Xestionar un pasado incómodo

Xestionar un pasado incómodo
25 de Xuño, 2020 - 11:22 h. | Publicada por Radio Fene

"Los amnésicos. Historia de una familia europea”,  de Géraldine Schwarz, editada por Tusquets é obxecto de debate no Club de Lectura de Radio Fene Radiofusión esta semana.

ESCOITA O PODCAST:

“O libro, en palabras do historiador e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, convidado especial a esta cita, “ponnos diante da evidencia do difícil que é xestionar un pasado tan incómodo”. Con el participan os historiadores, Juan Carneiro, Miguel Rodríguez e Henrique Sanfiz.

Partindo de que o nazismo é o peor crime de estado organizado que a humanidade coñeceu xamais, pregúntanse os participantes ata que punto podía prosperar sen un certo apoio social. Fernández Prieto contesta que “non podía” pero hai que situarse no contexto; é algo que pasa por primeira vez, non hai referentes e prodúcese unha actitude colectiva que non pon freo ao “mal”. Todo o mundo cumpriu a súa función. Escoitamos moitas veces a frase “non sabemos como nós nos comportaríamos nesa situación” seguindo a linguaxe dos verdugos. Geraldine Schwarz reflexiona concluíndo que “hoxe sabemos o que teríamos que facer” poñendo distancia entre o verdugo e os demais.

A lectura de “Los amnésicos” provoca que fagamos comparacións entre Alemaña e España, casos ben diferentes en palabras de Fernández Prieto. “Aquí falta facer as preguntas ao verdugo. Quen matou, para que os mataron, por que os mataron?” Na conversa fálase da incapacidade ata o momento de crear un Centro da Memoria en Galicia para poder explicar a razón xenocida e virar cara os verdugos a carga que fixeron recaer sobre as vítimas. “Temos tan asumido iso de, non fixeron nada, matáronos polas ideas…” Interesante resulta a deriva da conversa na explicación da “forza sedutora que exerceu o nazismo con respecto á poboación” tras a derrota da I Guerra Mundial, un imperio derrotado, unha identidade como a alemá pisoteada, uns ex-combatentes que son o primeiro núcleo do fascismo. De novo chega a comparación co ocorrido en España, na razón xenocida da que fala Lourenzo no seu libro “Golpistas e verdugos do 36”. “En España dan o golpe de estado moi poucas persoas. O franquismo conseguiu dar a impresión de que eran moitísimos. A súa vantaxe foi converter a todos os que foron á guerra en verdugos”. O fenómeno da “desnazificación” custou moitísimo tempo. Ata os anos 80 non se empeza a asumir ese pasado en Alemaña. Ao remate do libro, a autora láiase do rexurdimento da extrema dereita en toda Europa.

"Los amnésicos”

A autora é  franco alemana, porque ten pai alemán e nai francesa. O libro nace do descubrimento de que o seu avó paterno, amparándose na legalidade nazi, compra en 1938 a un prezo irrisorio unha empresa aos seus propietarios xudeus, a familia Löbmman, máis tarde asasinados en Auschwitz. Os herdeiros reclámana ao final da guerra pero o avó opta por negar a súa responsabilidade como Mitläufer ou "colaboracionista". Así arranca esta obra que indaga na familia e na complexa evolución dos alemáns desde unha ditadura á democracia.  A historia estendese a outros países de Europa para abordar esa “amnesia” que hoxe ameaza a propia democracia. O libro móvese entre a crónica, a indagación histórica e o ensaio. A crítica literaria cualifícaa de “ relato perturbador”, “libro informado, intelixente e dunha gran honradez”.

Cultura

Publica o teu comentario agora