A XII Mostra de Curtas Vila de Noia lembra a Toñito Blanco cun dos clásicos do gore

A XII Mostra de Curtas Vila de Noia lembra a Toñito Blanco cun dos clásicos do gore

25 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A Mostra de Curtametraxes Vila de Noia chega á súa duodécima edición e faino converténdose nun dos referentes dentro do mundo audiovisual galego de curta duración e conseguindo traspasar as fronteiras galegas, xa que producións procedentes de diversos puntos do Estado e do estranxeiro alimentan o programa nesta nova edición, segundo comentou en Radiofusión o seu coordinador, Ramón Agra.

O certame recibiu este ano ao redor de 400 curtas, das que foron seleccionadas, finalmente, 38. O xurado formado polo guionista Carlos Portela, a actriz Isabel Naveira, o actor Luís Zahera e o director de cine e televisión Jorge Saavedra.

A XII Mostra arrincará o venres co apartado comarcal dando a oportunidade ao gañador de competir cos demais cintas a concurso. Neste eido compiten oito curtas, 4 delas de realizadores de Noia; dúas de Porto do Son, unha da Pobra, e unha de Boiro. Entre eles proxectaranse senllos filmes realizados por alumnos do colexio noiés La Peña e o IES de O Son. A fin de semana estará dedicada aos vídeos coa proxección de oito o sábado e outros tantos o domingo.

Desde o luns e ata o venres tamén haberá unha sección de seis curtas dedicados aos máis pequenos, Curtactiva, en horario de dez da mañá a unha da tarde.

O martes e o mércores proxectarase a primeira longametraxe do director noiés Luís Avilés, que leva por título Retornos. A xornada do xoves estará dedicada a revisar un dos filmes clásicos do gore galego: A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, de Toñito Blanco, cineasta ao que se lle fará un recoñecemento póstumo.

O venres 3, a partir das nove da noite, comezarán as seccións oficiais do festival coa proxección de sete curtas, o mesmo número que se pasará ao día seguinte.

O día da clausura, o domingo, a partir das sete da tarde terá lugar a gala de entrega de premios e unha homenaxe á actriz Camila Bossa. A Mostra pecharase cun concertos do grupo compostelán Los Chavales.

Cultura