Xogando coas artes no Verán Máis Alá

Xogando coas artes no Verán Máis Alá

04 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un espazo de risas e xogos onde se fomenta o uso do galego e axuda á conciliación da vida laboral e familiar. Con este espírito o Concello de Fene desenvolve, desde hai 9 anos, o programa o “Verán máis alá”. Do 1 ao 29 de xullo, entre as oito da mañá e as dúas e media da tarde nenos e nenas divertiranse con cine, teatro, arte, maxia, danza ou música.  

O Verán Máis Alá permite que nenos e nenas se divirtan e aprendan durante o período vacacional, mentres, as familias contan cun recurso que lles permita compatibilizar a súa vida persoal e laboral. Este ano poderán participar os rapaces/as nados entre 1999 e o 2007 (de 3 a 12 anos). O Colexio Centieiras de Perlío albergará a maioría das actividades pero tamén farán visitas ao Parque de Educación Vial de Barallobre ou á Piscina Municipal.

Ofértanse un total de 120 prazas que se outorgarán por rigorosa orde de inscrición. A cota por neno é de 68,15 € e a partir do segundo membro da familia reducirase ao 36,70 €. O prazo para anotarse comeza o vindeiro luns 6 de xuño, para os cativos empadroados no Concello de Fene, en horario ininterrumpido de 8 da mañá a sete da tarde e o martes, 7 de xuño, en horario de mañá. Os rapaces doutros concellos poderán apuntarse o mércores e o venres, 8 e 9 de xuño, só en horario de mañá. As inscricións entregaranse no Departamento de Cultura, deportes e Xuventude, na Avenida naturais 44, entrechán dereita. A listaxe de participantes publicarase o luns 13 de xuño.

Nesta edición o lema central é “xogando coas artes”. Deste xeito, nenos e nenas aprenderán sobre a escultura e arquitectura galega, recreando coas mans a nosa tradición celta. Converteranse en xenios da pintura ilustrando murais, paredes ou gravados ou en auténticos bailaríns coa aprendizaxe de coreografías, bailes tradicionais ou expresión corporal. Magos, directores de cine, excursionistas...unha morea de propostas para facer deste mes de xullo un Verán Máis Alá.

Sociedade