Xogos e música tradicional para acompañar a Festa da Empanada de Allariz

Xogos e música tradicional para acompañar a Festa da Empanada de Allariz

19 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O concello ourensán de Allariz celebra a tradicional Festa da Empanada este sábado e domingo. Unha cita gastronómica que ten a súa orixe no ano 1971 e que se desenvolve na ribeira do río Arnoia. Coma sempre, os amantes deste manxar poderán gozar da empanada en todas as súas variedades (de carne, bacallau, zamburiñas, setas e gambas...) grazas aos puntos de venda que se colocan o domingo no campo de Vilanova, onde ademais haberá churrasco e

O sábado, para dar comezo ás festas haberá un disparo de bombas seguido do Campionato de Billarda no Campo da Barreira. Ás 12:00 terá lugar no embarcadoiro da Alameda a Regata de Piragüismo da Copa Deputación.

Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase na Alameda o XXII Triatlón Vila de Allariz. Ás 20:00 horas no campo de Vilanova será o Obradoiro de Percusión e xa pola noite darase paso ao concerto de Rastrexos Project.

O domingo empezará o día co disparo de bombas seguido dos pasarrúas a cargo da Banda de Música de Noia. Ás 11:00 horas os asistentes poderán gozar da festa campestre onde atoparán diversos postos de empanada. Ás 11:30 horas será a quenda do desfile de Xigantes e Cabezudos a cargo do grupo de gaitas de Allariz desde a Casa da Cultura até o Campo de Vilanova, seguido do concerto da Banda de Música de Noia.

Pola tarde, ás 19:00 horas, darase paso ao concerto de folk a cargo do grupo Pepe Vaamonde. Ás 20:30 actuará a Banda de Música de Noia, seguida dun baile popular a cargo da orquestra Acordes. E para pórlle fin ás festas, á medianoite será a verbena amenizada pola citada orquestra.

Cultura