Xornada tráxica no tráfico: 5 mortos en accidente

Xornada tráxica no tráfico: 5 mortos en accidente

23 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Catro persoas resultaron falecidas nas últimas horas en tres accidentes de tráfico ocorridos nas localidades coruñesas de Moeche e Cerceda e na lucense de Cervantes, co que se elevan a cinco os mortos en accidentes de tráfico este luns en Galicia despois de que un mozo falecese á primeira hora da mañá no polígono lucense de O Ceao. A choiva caida ao longo do día provocou un aluvión de accidentes e colisións nas estradas galegas.

Segundo informou a Europa Press o 112, dúas persoas faleceron nun accidente de circulación ocorrido sobre as 14.00 horas do mediodía do luns na localidade coruñesa de Moeche, ao colisionar o vehículo 'sen carné' no que viaxaban contra un camión.

Ao lugar do suceso, na estrada AC-862, desprazáronse efectivos do 061, a Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros de Ferrol, que tiveron que excarcerar os corpos dos falecidos.

Así mesmo, unha persoa faleceu nun accidente de tráfico ocorrido ás 14.33 horas na estrada que une as localidades de Bolois e Vilanova, ao seu paso polo concello lucense de Cervantes.

Finalmente, unha quinta persoa resultou falecida ás 15.29 horas de hoxe nun accidente ocorrido na localidade coruñesa de Cerceda. No suceso, no quilómetro oito da estrada AC-413, viuse implicado un coche que chocou contra un poste da luz. O falecido tivo que ser excarcerado polos Bombeiros.

Con isto son cinco as vítimas mortais rexistradas na xornada de hoxe en Galicia, onde a choiva está a provocar unha avalancha de accidentes en localidades como Vilalba, Malpica, Arzúa, Ferrol, Outes ou Arteixo, entre outras.

Sociedade