As Xornadas Literarias de Neda adícanse a Alessandro Manzoni

As Xornadas Literarias de Neda adícanse a Alessandro Manzoni

31 de Marzo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O poeta e escritor Alessandro Manzoni, un dos referentes da literatura italiana, será o protagonista da XII edición das Xornadas Literarias de Neda, organizadas polo Concello e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña para conmemorar o Día Mundial do Libro. Unha cita que este ano volve contar coa colaboración do IES Fernando Esquío e, nesta edición, coa Embaixada de Italia en Madrid. As Xornadas celebraránse os días 23, 24 e 25

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, inaugurará as xornadas o día 23 en compañía dos responsables da Universidade da Coruña. Será a partires das 20 horas, no Campus de Esteiro. As súas intervencións darán paso á primeira conferencia do profesor Giovanni  Albertocchi da UDG, baixo o título “Alessandro Manzoni e a poética da Verdade”. O xoves e venres as xornadas trasladaranse á Casa das Palmeiras. E, en ámbolos dous casos, a hora de inicio será ás oito da tarde. Así, o xoves repetirá como ponente o profesor Giovanni Albertocchi, coa conferencia “Os noivos: a construción da novela histórica”. E, a continuación, José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura, falará sobre “Manzoni no cine”.
Ao seu remate, está programado un coloquio, que precederá a proxección do filme “I promesi
sposi”, de Mario Camerini (1941).

Na xornada do venres, e á mesma hora e co mesmo escenario, retomaránse as Xornadas da man do clube de lectura do IES Fernando Esquío e o seu particular tributo ao autor italiano: “¡Evviva Manzoni!”. De seguido, o tradutor Xavier Rodríguez Baixeras abordará “Algúns aspectos en torno á traducción galega de “Os noivos””. E, tras o pertinente coloquio co público, os asistentes poderán gozar da música italiana do século XIX da man do violinista Enrique Agrelo e do pianista Andrés Pazos.
Paralelamente á celebración das Xornadas, a Biblioteca Municipal de Neda albergará unha mostra bibliográfica baixo o título “80 autores da literatura italiana”, aberta a todo o público. Así mesmo, a Embaixada italiana dará a coñecer o país mediante unha exposición, tamén no centro de lectura, con libros, CD`s, DVD`s, guías e planos.

As Xornadas Literarias están promovidas polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña e o seu comité organizador está integrado pola concelleira de Cultura de Neda, Eva Olmo; o vicedecano de Humanidades da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós; a animadora sociocultural, Natividad Villaamil Abad, e o coordinador cultural de Neda, Manuel Pérez Grueiro. Nesta ocasión, tamén contan coa inestimable colaboración da Deputación
Provincial da Coruña, da Embaixada de Italia en Madrid e do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío.

Sociedade