Xosé Carlos Caneiro pon fin a un modo de contar en “Un último destino”

Xosé Carlos Caneiro pon fin a un modo de contar en “Un último destino”

05 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A Feira do Libro de A Coruña acolle ás oito desta tarde a presentación da nova proposta literaria de Xosé Carlos Caneiro. Un último destino é o título da novela que pecha, segundo o autor, un ciclo de escrita baseado nun estilo logocéntrico, no que tratou de construír música a través das súas obras

Un último destino é a décima obra deste ciclo que vén de rematar. Un texto que Caneiro comezou a escribir hai xa uns seis anos, despois de Ámote (2003), co fin de terminar daquela unha etapa literaria. Pero entón cruzouse na súa vida A vida nova de Madame Bovary (2008) e Blue Moon (2009) e non foi ata agora que culminou este tempo de escrita.

Un último destino comparte espazos e protagonistas coas nove novelas precedentes. Iso si, é unha obra autónoma na que o protagonista dialoga cos seus devanceiros. Elisardo Buenaventura regresa durante un mes a Dalmara, a vila dos seus antepasados: o seu pai, un orate desequilibrado por amor, e o seu avó, un filántropo de imaxinación portentosa. Nese territorio de ficción, que acolle o universo literario do autor, Un último destino introduce os lectores nunha atmosfera envolvente, facéndoos sentir seres á marxe da realidade, habitantes dun universo insólito, dun mundo paralelo no que unha tribo de personaxes procuran permanentemente a felicidade.

Xosé Carlos Caneiro constrúe novamente nesta novela unha realidade paralela, criticando a sociedade actual.

Cultura