Xosé Luís Axeitos (RAG): “Co decreto, a Xunta tenta un neutralismo absurdo”

Xosé Luís Axeitos (RAG): “Co decreto, a Xunta tenta un neutralismo absurdo”

18 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten verdadeiramente en tan “alta estima” á Real Academia Galega como asegurou a pasada semana, entón debe retirar o borrador do seu decreto do plurilingüismo e dialogar un texto novo na procura da recuperación do consenso. Así llo recomenda a centenaria institución cultural mediante un informe de 16 páxinas nas que se desbota a consulta aos pais, a eliminación da discriminac

Todos os académicos amosaron a súa identificación cun texto redactado por cinco dos integrantes do plenario: Xosé Luís Axeitos, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Francisco Fernández Rei e Xesús Ferro Ruibal. Do seu informe tírase, e así o expuxo González, que existe un “retroceso” na normalización do galego por culpa dunha Bases presentadas polo Goberno que amosan “pouco afecto pola lingua do país”. Con todo, o voceiro da institución coida que “a concordia é posible”. Iso sí, sempre que o Goberno na Xunta presente outro modelo diferente.

O conxunto do documento resúmese en seis puntos que se presentan a modo de conclusións. No primeiro, a Academia manifesta “que nestas Bases non só non se xustifica suficientemente a necesidade xurídica nin pedagóxica da derrogación do decreto do galego no ensino, senón que os puntos fortes do proxecto de Decreto parecen de legalidade dubidosa”. A institución considera que cómpre actualizar a Lei de Normalización Lingüística.

A seguir, íntase a que, sendo tan só un borrador, se abra un “diálogo franco con vontade de concordia definitiva porque a sociedade está cansa de discordias lingüísticas”. O informe láiase de que “toda melloría do enfermo pareza perigosa”.
Nun terceiro punto critícase veladamente á Administración por crear un conflito: “Quen fala galego percibe o castelán como un valor engadido”, afirma a Academia, quen pide que se evite a “suplantación definitiva” dun idioma por outro. “Máis urxente cá aprobación das Bases é realizar xestos que rebaixen a tensión”, apunta en dirección ao Goberno.
A cuarta conclusión é que a lingua é un factor de identidade. Así as cousas, os académicos senten a necesidade de sinalar que “a Xunta de Galicia non ostenta en Galicia por delegación un poder foráneo, senón que é un Goberno galego; e, os galegos esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor da lingua galega”.

Dende a rúa Tabernas da Coruña, onde ten a súa sede a Academia aconsellan que as opinións paternas e maternas sobre a mellor lingua para os fillos dependen do comportamento lingüístico que eles observan na universidade, na empresa, no comercio, nas notarías, na igrexa, nos cines, nos medios de comunicación, etc.; e todos estes sectores realiméntanse das opinións que observan nos proxenitores. Disto derívase que “a realidade vital da lingua é circular”.

Así, o informe dos académicos resolve na súa conclusión final que “mentres a lingua galega non sexa o centro de gravidade do modelo bilingüe e estea asegurado o respecto e fomento do uso da lingua propia e cooficial desta Comunidade Autónoma para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade co castelán é necesario un consenso sobre o respecto dos dereitos que a todos os cidadáns concede a lei, falemos a lingua que falemos, sobre o compromiso de liberar a lingua galega das pexas que a constrinxen; e de retirala para sempre da confrontación política”.

Estas consideracións foron recollidas polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen mañá mesmo ten fixada unha xuntanza cos académicos no marco da rolda de contactos que a Consellaría de Educación manterá cos axentes sociais, políticos e culturais durante esta semana verbo do decreto. Lorenzo teima en que o compromiso da Xunta pasa por “escoitar a todos”.

Sociedade