Xosé Manuel Rus. Xerente de Moexmu: “É necesario ir camiñando cara a especialización”

Xosé Manuel Rus. Xerente de Moexmu: “É necesario ir camiñando cara a especialización”

02 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Xosé Manuel Rus, Xerente de Moexmu, chega nun coche pequeno á sede da exposición. Despois de atender a todos os veciños que traballan alí para que a edición número XXV de esta feira salga adiante, recíbenos cunha enerxía impensable para alguén que compaxina este cargo co seu propio traballo diario.

TCX: Esta é a edición número XXV de Moexmu. ¿Falamos dunha das feiras gandeiras máis importantes de Galicia?

Sí, pero non é que o digamos nós, senón que o din os entendidos nesto, que son os propios gandeiros nas reunións que temos con eles a principio da temporada. Este ano comentáronos que a edición pasada mellorou e que estabamos case ao mesmo nivel que Silleda, pero desde outro punto de vista, mais rural e veciñal, porque Moexmu é unha feira feita polos veciños de Muimenta.

TCX: Mantedes entón un diálogo fluído cos gandeiros...

Tódolos anos, cando a comisión comeza a traballar, xuntámonos cos gandeiros para que nos digan o que foi ben pero tamén os defectos que temos e que é preciso corrixir e que tentamos solucionar. Así, todos os anos facemos varias xuntanzas, non é so a reunión anual. Eles mesmos nomearon unha comisión de seis que son os que nos asesoran a nós, pero tamén mantemos un diálogo fluído vía teléfono.

TCX: ¿Tedes gandeiros fieis a Moexmu?

Hai un núcleo duro deles que veñen case todos os anos. Pode faltar algún, pero soen ser fieis. Logo hai outros que un año veñen e outro non. Ese núcleo fixo é co que mantemos o diálogo para mellorar.

TCX: Ademais dos vendedores de gando tamén contades cunha feira de artesanía. ¿Crees que unha feira debe ser versátil ou debe estar especializada para poder ter éxito?

Aquí temos os dous exemplos. Por un lado a multisectorial, que é esta e funciona, e a especializada que é a da filloa, que é estritamente deste produto. Persoalmente considero que hai que ir camiñando cara a especialización, é dicir, monotemática, aínda que poida haber algúns postos de outra cousa. Esta é unha feira eminentemente agrícola e gandeira. Hai postos de artesanía e agrarios, pero o primordial da feira é o sector gandeiro.

TCX: ¿Qué aporta o apartado de artesanía a Moexmu?

Hai que atender a xente á que non lle gusta exclusivamente o tema da gandaría, que tamén a hai. Entón, se queremos que veña xente de todo tipo, que non veña só ao tema gandeiro, temos que ampliar tamén a oferta.

TCX: ¿Contades con algún outro tipo de actividades ou produtos da economía rural, como poden ser produtos agrícolas?

Depende do ano, por exemplo, houbo anos que tamén incluímos charlas informativas no local da feira. No tocante aos produtos son todos do sector primario, pero, por exemplo, veñen os do Queixo de San Simón. Non pechamos as portas a ninguén, pero sempre tentando cara a gandaría. Se temos que facer unha distinción por falta de espazo tiraremos mais cara este sector e non cara os outros.

TCX: ¿Qué levou ao xurdimento de este evento, foi mais unha reivindicación, promoción ou simple venta?

Primeiro naceu a Feira, a Moexmu. Naceu encamiñada a crear o concurso, era a idea desde o comezo. Naquela época, fai 25 anos, aínda se conservaba o tema dos cabalos, víñase á feira mensual na que se podían mercar, ferrar e demais. Era un pouco recuperar a importancia deste tipo de feiras de animais. Ademais, esta zona sempre viviu do gando, das vacas e o que se pretendía era recuperar este interese e que se consolidase.

TCX: O punto forte entón é o concurso, por riba das vendas...

Para min é o que lle da a alma á Feira, o que lle da a súa especificidade. Ademais, é o que leva a maior parte do noso orzamento, o que nos da mais traballo, pero tamén é o que ten mais tirón e do que desfrutas mais, sobre todo porque é do que mais contentos están os gandeiros que participan.

TCX: O ano pasado Moexmu contou cun presuposto de 120.000 euros. ¿De qué cantidade podemos falar este año?

Este ano andamos polos 100.000 euros, pero isto inclúe os premios, case 60.000 euros, a atención do gando, portes, seguro específico das reses, a xente que coida as vacas, pelado lavado...

TCX: ¿Cáles son as categorías do Concurso?

Pois no concurso temos a categoría de Xata, Xovenca, Gran Campiona de Xonvencas, Mellor Criador, Vaca Nova, Vaca Intermedia, Vaca Adulta e Gran Campionato de Vacas. Ademais, tamén se pode participar en Gandaría de nova participación, Mellor ubre, Mellor rebaño, Mellor descendencia de vaca e Mellor concello. Tamén contamos cos Premios especiais de Xenética Fontao S.A. para fillas de touros do Programa de Mellora Gandeira de Galicia en Xatas ata 16 meses, Xovencas de máis de 16 meses e Vacas en lactación.

TCX: ¿Qué dificultades loxísticas ten a organización?, ¿Qué é o que vos leva mais traballo?

Preparar a zona do concurso é o mais traballoso. O tema administrativo non tanto. As últimas horas antes da celebración tamén son difíciles. O ano pasado, por exemplo, trastocounos todos os temas dúas cousas, un malentendido que houbo co stand do Bantegal, porque nós entendemos que eles traían a carpa e eles entenderon que a traíamos nós. Cando chegou o día e había que montar, non había carpa e houbo que levalos a un novo sitio. O outro problema foi a chuvia. A auga foi a invitada de última hora e iso creounos bastantes problemas. Se todo vai ben e hai bo tempo, non hai problema, é traballo rutinario. Pero como choveu a última hora houbo que retocalo. Tivemos que cambiar de lado a abertura da carpa, houbo que cambiar o chan porque estaba todo enchoupado e cos tractores todo se puxo peor, porque é un recinto en terra... O peor é que chova.

TCX: ¿Cáles son as novidades desta edición?

A principal é que imos recuperar unha exposición de fotografías de edicións pasadas. Así, poderanse ver veciños que colaboraron e participaron na Moexmu en 25 fotografías, mais ou menos. Poderemos ver os que están e os que xa finaron. A gracia que ten é que se puideron recuperar gracias ás novas tecnoloxías. Este será o punto nostálxico da feira.

TCX: ¿Cal será o programa?

Comezaremos o venres 3 coa entrada de gando e a verificación da documentación de 10 a 19 horas. O sábado 4 se dará inicio ao concurso de Xatas e Xovencas sobre as 10 da mañá, logo, as 13.00 horas se fará entrega das Mencións Honoríficas. Pola tarde será a quenda das vacas de leite, mentres que o domingo será o tempo para os manexadores mozos e adultos. Ás 13.30 do domingo se fará entrega dos premios e a partir das 14.30 iremos a xantar.

TCX: ¿Tivéchedes problemas para contactar coa representación institucional?

O tema das eleccións causounos algún problema, porque os altos cargos están todos en funcións e, como temos por norma non repetir personalidade, non puidemos invitar ao presidente da Deputación, que veu na edición pasada. No que non tivemos ningún problema foi co pregoeiro. Manuel Vila, que foi un dos pioneiros da Moexmu, dos que puxo un pouco isto a andar. Decidiuse sen problemas, está case nomeado desde a segunda reunión.

TCX: O ano pasado foi un éxito, en tanto había una ampla lista de espera. Este ano, coas dificultades do sector, ¿Seguides tendo as mesmas demandas para acudir?

Está todo cuberto, tanto en maquinaria como en gando. En artesanía foi onde se notou un pouco. O ano pasado houbo 110 stands en total e de aí non solemos movernos, porque o recinto é o que é e o espazo é o que hai. O que si fixemos este ano foi incluír unha pequena sinal para os que reservan e a última hora non veñen.

TCX: ¿Estades a notar a crise no sector?

Ata o de agora a xente vai respondendo. Ata o de agora. Onde si se nota é á hora de pedir axudas ás administracións públicas e privadas. A nivel de expositores ben. Hai demanda de xente que nunca veu e que quere saír a fóra e verse.

TCX: ¿Qué volume de negocio se move?

A maioría da xente sole ser bastante reservada en canto a este tema. O ano pasado mais ou menos andamos sobre os 250 mil euros, aínda que despois pode aumentar ou non. Non debemos limitar a nosa acción a eses tres días, hai moitos expositores que levan contactos de aquí e formalizan a venda nas seguintes semanas. Aquí hai que diferenciar o que vende só na feira, como poden ser os artesáns ou o queixo, e os demais, que non só venden directamente, senón que se deixan ver, fan promoción e contactos para vender no futuro. Sementan para recoller.

Sociedade