XOTRAMU constitúese como unha Asociación e xa definiu a súa primeira Xunta directiva

XOTRAMU constitúese como unha Asociación e xa definiu a súa primeira Xunta directiva

10 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os xogos tradicionais xa teñen forma e corpo oficial, despois de que se formalizase a Asociación Cultural e Deportiva dos Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU). Esta nova institución ten a súa orixe na celebración da I Edición da festa dedicada a estes pasatempos, que tivo lugar o pasado 31 de maio de 2009. A organización da II Edición, posiblemente no primeiro fin de semana de xuño, será un dos seus cometidos durante este 2010.

Pero a curto prazo, a súa primeira actividade terá lugar o vindeiro 16 de febreiro, o martes de Antroido, cando leven a cabo unha gran feira, que comezará as 10:30 da mañá, e onde se convidará a todos os veciños e visitantes de Muimenta a disfrazarse e participar activamente no mercado de Antroido. Xa contra as dúas e media da tarde, haberá tempo para un xantar, deixando os xogos tradicionais, concursos, agasallos e diversas sorpresas a partires das catro da tarde.

 

 

O evento, coorganizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e Área de Cultura e Deportes, dirixida por Antón Bao,  terá lugar na Praza Maior da Vila.

 

Ademais, esta Asociación sen ánimo de lucro terá entre os seus obxectivos a creación dunha rede de información e de divulgación sobre as actividades lúdicas populares e tradicionais; a promoción e axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades de ámbito comarcal, provincial ou autonómico con finalidades semellantes ás da Asociación; a organización de encontros, conferencias, congresos e, en xeral, calquera tipo de actividades que contribúan á consecución dos fins da Asociación; a edición de boletíns, revistas e libros, vídeos, cd´s, etc., utilizando os medios audiovisuais para a información e a formación; a promoción e apoio de traballos de investigación orientados ao inventario ou aplicación educativa, deportiva ou recreativa dos xogos e deportes tradicionais; a promoción da artesanía popular galega así como da música tradicional.

 

XOTRAMU tamén terá competencias sobre as actividades a desenvolver para favorecer aos veciños da parroquia e os seus contorno, así como en cuestións socioculturais e  medioambientais; e sobre todas as iniciativas que favorezan a educación de xuventude e a mellora, da calidade de vida de calquera sector de poboación.

Durante a súa formalización tamén se definiu a súa primeira Xunta Directiva, que está constituída por Manuel Vila López, no cargo de Presidente; José Darriba Pérez, como Vicepresidente, José Manuel Rus Rodríguez, como Secretario, José Ángel Lombardero Díaz como Tesoureiro e José Manuel Darriba García, María Librada Engroba Novo, María del Carmen Gayoso Rodríguez, José Manuel Pérez Folgueira, Mónica Rodríguez Crecente, Sofía Rodríguez Crecente e José Miguel Vázquez Montes como vocais.

Cultura