A Xunta adxudica a xestión do Souto de Leixa á empresa Clece

A Xunta adxudica a xestión do Souto de Leixa á empresa Clece

03 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O respecto pola xestión pública dos servizos sociais é un elemento clave á hora de asegurar a súa calidade. Afirmanno así nun manifesto conxunto os sindicatos CIG, UXT e CCOO ao fio da privatización do centro Souto de Leixa de Ferrol.O DOG ven de publicar a adxudicación provisional da súa xestión á empresa Clece.

As centrais afirman que todos somos conscientes das disfuncións que poden causar os mercados cando actuan sen control. O manifesto sindical tamén salienta que non todos perdemos os mesmos nesas situacións. Fan igualmente fincapé na necesidade dunha forte presenza do sector público para garantir uns servizos sociais de calidade. Denuncian o que califican como política da Xunta de Galicia de apertura da xestión dos servizos sociais esenciais ao mandato do beneficio de empresas privadas. Manifestan a súa oposición á privatización da xestión da atención ás persoas con discapacidades psíquicas e outras asociadas.

Representantes dos traballadores do Souto de Leixa reuniranse a vindeira semana  co delegado provincial  da Xunta, Diego Calvo e cos directores xerais de Educación, Jesús Oitabén e a de Traballo, Cristina Ortiz. A xuntanza celebrarase o xoves, despois da ponte,  en Santiago de Compostela. Á vista de que o DOG publicou xa a adxudicación provisional á empresa Clece a xestión do centro ferrolán, os traballadores queren coñecer as intencións da Xunta sobre a plantilla, dos 63 fixos do antigo Carmen Polo e dos 54 traballadores eventuais. Sobre estes últimos, o comité pretende que se subroguen os contratos na nova empresa, algo que de momento non é seguro. Onte ás seis da tarde e durante duas horas, os traballadores do Souto de Leixa protagonizaron un peche na sede do PP de Ferrol, en protesta pola “pésima” actitude deste partido no goberno da Xunta de Galicia, e contra a privatización dos servizos deste centro e do sistema público. Continua o peche na casa do concello de Ferrol que dura xa un mes.

Sociedade