A Xunta convocará 100 prazas para profesores de secundaria

A Xunta convocará 100 prazas para profesores de secundaria

11 de Decembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Xunta de Galicia convocará en 2014 oposicións para profesorado de Ensino Secundario Obrigatorio e Bacherelato. Incluiránse aproximadamente 100 prazas, axustandose á normativa estatal do máximo do dez por cento de reposicións.

Así o manifestou o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, en declaracións aos medios durante a súa visita ao CIFP Someso, onde anunciou a convocatoria de oposicións en Galicia para profesorado de Secundaria a través dunha oferta de emprego publico axustada á normativa estatal vixente dun 10 por cento máximo de reposición de efectivos en vacantes.

O titular de Educación manifestou que "en breves días" trasladarán a proposta á Mesa Sectorial de Educación. "Temos previsto sacar para o ano 2014 unha convocatoria de aproximadamente 100 prazas dedicada a profesorado de Secundaria", destacou.

AXUSTADO Á NORMATIVA

"Gustaríanos dispor dun maior número de prazas, creo que sería factible, pero a lei estatal impídenos ir mais alá do 10 por cento da taxa de reposición", sinalou Vázquez, en referencia á normativa vixente.

En calquera caso, insistiu en que "haberá convocatoria para secundaria", aínda que preferiu esperar a dar a coñecer a proposta á Mesa Sectorial para concretar que especialidades entrarán na convocatoria para 2014.

Sociedade