A Xunta Electoral abre a man para a propaganda electoral en precampaña

A Xunta Electoral abre a man para a propaganda electoral en precampaña

21 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Cancelas abertas para a propaganda electoral a través de todos os medios. A Xunta Electoral Central abre a man para aceptar todo tipo de actos propagandísticos durante os meses previos á campaña electoral, que comeza estritamente quince días antes dos comicios, sempre e cando os partidos eviten facer un chamamento explícito ao voto. Así as cousas, e malia a que a recente reforma da Lei Electoral prometía restrinxir a publicidade política f&oacut

O ministro de Fomento José Blanco visitará Galicia unha vez máis mañá martes, para presentar a remodelación da Avenida de Madrid en Lugo e supervisar o inicio das obras do Centro de Conservación de Estradas en Palas de Reis. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo visitou nesta xornada as novas instalacións dun ambulatorio na Coruña e o conselleiro de Educación continuou coa súa xeira de visitas a centros de ensino de toda Galicia que acelerou a gran ritmo nas últimas semanas. A frecuencia deste tipo de actos está a medrar consonte se achegan os comicios municipais do 22 de maio e malia que a campaña política ten previsto o seu inicio para o día 8 do mesmo mes. Porén, a Xunta electoral entende que non hai intereses espurios nestes actos das administracións, porque “non solicitan expresamente o voto”. 
O organismo que regula os comicios vén de presentar catro propostas de resolución aos grupos políticos do congreso precisando a aplicación da reforma electoral vixente dende o mes de xaneiro, e sobre as que emitirá un ditame definitivo este xoves, tras escoitar as alegacións dos grupos. Segundo esta primeira redacción, a Xunta Electoral prégase ás teses dos partidos maioritarios, PSOE e PP, que controlan a maioría de institucións de goberno no Estado e que defenden a celebración de mitins e outros actos públicos en precampaña relacionados coa difusión das candidaturas e os programas de goberno. Fican vedadas as inauguracións durante a campaña, pero neste tempo previo permítese a visita de cargos autonómicos e municipais a obras en desenvolvemento para “informar sobre a súa marcha” e sempre que se usen para vender os logros do Goberno protagonista.  
Tamén se permitirá, agás sorpresa, que continúen as intervencións de candidatos en debates nos medios de comunicación, e a súa presenza en folletos, carteis e outro material promocional como chisqueiros, bolígrafos ou chaveiros. A publicidade poderase inserir tamén en vehículos privados e non se restrinxirá a intervención dos partidos nas redes sociais de internet sempre e cando non haxa “contratación comercial”. Cómpre sinalar que Partido Popular de Galicia integrou dende a pasada semana a súa publicidade electoral en Spotify, unha das plataformas musicais máis populares da rede. Na súa proposta de resolución, a Xunta Electoral tamén aceptaría o envío de correos electrónicos a particulares. 
En resumo, e de non mediar rectificación, a precampaña poderá contar con todos os usos e costumes comúns á propia campaña electoral sempre e cando a propaganda evite pedir de maneira aberta o voto e evite contratos a terceiros. 
Institucional