A Xunta garantirá a plena regularización da flota galega

A Xunta garantirá a plena regularización da flota galega

15 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa socialista para que a Xunta garanta “a plena regularización da flota galega”. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, presentou unha Proposición non de Lei para que a Consellería do Mar facilite o acceso das embarcacións á tonelaxe e potencia necesarias para evitar a súa paralización.

Soneira acusou á Xunta de ter deixado a preto de 1.200 embarcacións pendentes da súa regularización e reclamou á Consellería do Mar que asuma tódalas accións que leven ao proceso de regularización plena para estas embarcacións. Solicitou da Xunta que os programas de paralización definitiva “primen ás embarcacións que necesiten regularizarse” e “atender ás persoas que amosaron unha clara vontade de estar dentro da norma. 

Dixo que a “incapacidade política” e o “desleixo” do goberno autonómico provocou que estas embarcacións non poidan ser regularizadas. A iniciativa insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para pedirlle á Dirección Xeral da Mariña Mercante que dite as instrucións pertinentes ás capitanías marítimas “para que poidan inscribir os datos reais das embarcacións nas correspondentes Follas de Asento”, desbloqueando o proceso. 

Tamén foi aprobado que a Xunta acade do Ministerio do Medio Mariño as modificacións normativas e legais necesarias para facilitar o acceso das embarcacións ao proceso de regularización. Explicou que o proceso de regularización, que afecta principalmente á flota costeira artesanal, mantén a estas embarcacións nun “limbo legal” por unha cuestión administrativa. 

Soneira explicou que o proceso de regularización de embarcacións, que afecta principalmente á flota costeira artesanal, supuxo que das 2.140 regularizacións solicitadas, 2.138 precisaron de informes das capitanías marítimas e só 941 foron informadas favorablemente. En definitiva, actualmente hai 1.193 embarcacións que non poden rematar co proceso por trabas administrativas.

Sinalou que, dos preto de 1.200 buques pendentes de regularización, 596 non poden finalizar o proceso porque, de acordo coa Xunta, xa foran obxecto dunha regularización previa ao ter participado dunha instrución da Mariña Mercante de 1999.

As outras 551 quedan fora do proceso a pesares de que poderían ser regularizadas si aportaran a cambio as baixas doutras embarcacións, o que non é posible polas variacións na tonelaxe ou por estar censadas en diferentes portos.

Institucional