A Xunta pretende unha Administración “electrónica” para 2011

A Xunta pretende unha Administración “electrónica” para 2011

02 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A consecución da Administración electrónica, as obras de saneamento  e abastecemento nos concellos de Paderne de Allariz, Ponteareas e Salvaterra de Miño, e a implantación do Plan de transporte metropolitano na área de influencia de Lugo; foron os asuntos máis destacados que se trataron na reunión do Consello da Xunta de Galicia.

O Goberno galego aprobou o decreto que dará soporte normativo ás actuacións para a consecución da Administración electrónica da Xunta. Malia que a iniciativa terá de prazo ata 2013, o Goberno galego pretende conseguir no vindeiro ano que a súa páxina web sexa unha verdadeira sede electrónica, na que os administrados poidan obter a mesma información, acceder aos mesmos servizos e poder facer os mesmos trámites que poden facer nas xanelas das consellerías. Neste primeiro ano da Administración electrónica, a Xunta tamén substituirá a edición impresa do Diario Oficial de Galicia (DOG) por unha edición electrónica, garantindo o así o acceso universal e gratuíto, simplificando o tempo de edición e aforrando á Administración preto de 1 millón de euros ao ano.

En materia de saneamento e abastecemento de auga, Núñez Feijóo anunciou a construción de 5 quilómetros de tubaxe a un novo depósito de auga no concello de Paderne de Allariz; a finalización do saneamento no concello de Ponteareas e a eliminación dos puntos de vertido do Río Mendo en Salvaterra de Miño. O presidente da Xunta indicou tamén que, a día de hoxe, máis da metade do Plan de saneamento e abastecemento de Galicia xa está finalizado ou en marcha.

Por outra banda, o Goberno galego implantará o Plan de transporte metropolitano na cidade de Lugo e na súa área de influencia, un servizo que beneficiará a 125.000 persoas. A Xunta financiará o 76% do custo, mentres que o restante será financiado polos oito concellos implicados. O novo Plan contará con seis novas rutas, unha tarxeta única, transbordo gratuíto e a mellora de información aos usuarios, ademais de reducir o número de vehículos que entran á cidade e abaratar o prezo dos desprazamentos.

Sociedade