A Xunta recoñece que se lle denegou o tratamento da hepatite C a 13 persoas

A Xunta recoñece que se lle denegou o tratamento da hepatite C a 13 persoas

27 de Abril, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Xunta denegoulle o tratamento contra a hepatite C a 13 persoas segundo recoñeceu hoxe no Parlamento Galego o presidente Alberto Núñez Feijóo. Na súa intervención na Cámara do Hórreo Feijóo non explicou as razóns que sustentaron esa negativa. Aconteceu o debate a un dia da declaración nos xulgados dos dous altos cargos do SERGAS investigados no caso.

Na sesión de control ao goberno, Feijóo viuse obrigado a respostar ás preguntas da oposición sobre esta cuestión tras negar o PP a súa comparecencia na Cámara. E, como noutras ocasións, tirou do argumento electoral. "Sen candidato nin proxecto político nin apenas partido é indigno que empecen a campaña electoral utilizando a sanidade. Galicia quedalles moi grande e a esas familias debémoslles todo o respecto, paréceme indigno que se utilice o sufrimento das familias para facer política e deste xeito", dixo.
E foi máis alá ao plantexar dúbidas sobre a propia xustiza.  es"É unha trampa moral inadmisible imputar a políticos ou a médicos mortes de persoas alegando que teñen que ver con atrasar un tratamento e insistiu en que nin o Servizo Galego de Saúde, nin Galicia, nin os médicos nin os hepatólogos se merecen un xuízo sumarísimo contra a sanidade pública", argumentou sobre a imputación dos seus dous altos cargos.
Núñez Feijóo defendeu o traballo e a profesionalidade da subcomisión que se encargou de avaliar os casos antes da aprobación do plan nacional, que analizou "caso por caso e de forma anónima", sen saber o nome do paciente nin do hospital que demandaba o tratamento, cada unha das peticións e que aprobou 1.137 tratamentos de 1.150 peticións.
Toda a oposición conincidiu en acusar a Feijóo de ser o responsable "político" das mortes pola súa política de recortes e criticaron duramente que tente buscar "escusas" para explicar a xudicialización dun caso que implica, directamente, á Xunta.
"Non vimos facer un xuízo moral, vimos pedir explicacións", insistiu o voceiro socialista José Luis Méndez, que asegurou que se a situación "non foi a peor" é "por mérito" do ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, que cando deixou en mans dos profesionais o tema deixaron de producirse estes casos.
Francisco Jorquera, do BNG, pediu ao presidente galego que non se escude nos profesionais nin culpe á oposición porque "é a Fiscalía quen relaciona mortes con recortes". Por iso, instou a Núñez Feijóo a "depurar responsabilidades" e a cesar aos dous altos cargos, xa que, pola contra, advertiulle, "a responsabilidade acabará caendo única e exclusivamente sobre vostede".
O portavoz de AGE, Antón Sánchez, censurou que distintos responsables do PP e da Xunta tentasen nos últimos días que os grupos da oposición non chamen ás cousas polo seu nome porque coa demanda de "rigor e seriedade" no debate, en realidade, o que pretendían é que non se coñecese "a verdade das políticas criminais".
Ao finalizar o debate no hemiciclo, o portavoz da asociación de afectados por esta enfermidade, Quique Costas, que seguiu as intervencións na tribuna de invitados, tachou a Núñez Feijóo de "canalla político" por non retractarse ou matizado as súas palabras de fai dez días nun acto en Madrid nas que, na súa opinión, "banalizaba o alcance deste problema".
Considerou que a cifra de 130 millóns ofrecida polo presidente non se pode cinguir "unicamente aos tratamentos", porque para 3.000 persoas os datos non cadran. 
Sociedade