A Xunta repará a cuberta do Ceip Vista Alegre de Burela

A Xunta repará a cuberta do Ceip Vista Alegre de Burela

17 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá que o seu departamento ten previsto executar neste ano 2014 a reparación da cuberta do CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela), dando así resposta ás demandas da súa comunidade educativa. Neste sentido explicou que a partida para reformas, ampliacións e melloras (RAM) contempla xa un investimento de preto de 140.000 euro

Deste xeito o investimento da Consellería neste colexio nos últimos anos ascende a máis de 208.000 euros. Ademais da reparación hoxe anunciada, o departamento educativo da Xunta de Galicia leva realizado nos últimos anos diferentes melloras neste colexio, entre outras na instalación eléctrica e nos aseos de infantil. Durante a súa visita ao centro o conselleiro interesouse polo funcionamento da biblioteca escolar deste centro, integrada no Plan de Mellora desde o seu primeiro ano de funcionamento; así como do Proxecto Abalar. O CEIP Vista Alegre comezou a formar parte deste proxecto de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino no ano 2012, e conta cun aula Abalar ademais de outra aula dixital que se instalou no colexio no ano 2011. No seu percorrido polo CEIP, no que estudan 226 alumnas e alumnos, o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e pola directora, Gema Cillero.

Visita ao IES Monte Castelo

Posteriormente Vázquez Abad desprazouse ata o IES Monte Castelo, onde o seu departamento leva investido preto de 96.000 euros, fundamentalmente na implantación de programas educativos novidosos. Ao abeiro deste compromiso, o instituto conta con 4 aulas Abalar; e a súa biblioteca escolar leva 6 cursos integrada no Plan de Mellora.

Ademais, o centro vai asinar hoxe mesmo contratos-programa en 2 liñas de actuación, en concreto nas de reforzo, orientación e apoio – na modalidade de apoio en horario lectivo- e na de mellora dos coñecementos para acadar a excelencia. No marco da primeira delas o centro ten previsto organizar actividades de reforzo en linguas vehiculares, técnicas instrumentais básicas, para a organización da axenda escolar, actuacións para promover a motivación do alumnado; así como obradoiros de educación emocional, educación para a Paz ou mellora da convivencia, entre outras accións. No caso da outra das liñas que hoxe asinará o IES Monte Castelo, prevense medidas como un obradoiro de técnicas pictóricas e achegamento ás vangardas artísticas, así como outro de cerámica creativa.

Sociedade