A Xunta rexeita a privatización da auga, segundo Agustín Hernández

A Xunta rexeita a privatización da auga, segundo Agustín Hernández

13 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández desbota que a Xunta vaia permitir a privatización da auga como recurso e asegura que o novo marco legal para a súa xestión non suporá un incremento de custos. Defendeuno así nunha xornada sobre a Lei de Augas desenvolvida na Escola Galega de Administración Pública, a cuxas portas se concentraron os opositores á norma.

Representantes dos colectivos sociais e sindicais inseridos na Plataforma contra a Lei de Aguas volveron denunciar que a reforma promovida polo Goberno autonómico abre a porta ao uso mercantil do recurso, ao permitir que o ente xestor, Augas de Galicia poida actuar coa lóxica dunha empresa privada. Explicábao a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire.

Requirido polas protestas, o conselleiro Agustín Hernández afirmou que "a auga é un ben público e seguirá a selo". Ademais, cargou contra os grupos políticos que denuncian un incremento nos custos polo uso, cando os seus representantes nas administracións locais piden a colabroación da Xunta para facer obras de saneamento. O titular de Medio Ambiente manifestou que a Lei de Augas é rigorosa e vaise desenvolver mediante seis regulamentos, catro dos cales entrarán en vigor durante 2012. Dous, referidos ao saneamento e á colaboración cos concellos, tramitaranse ao longo do presente mes.

Institucional