Xurxo Souto fala na Feira do Libro do futuro do Dépor

Xurxo Souto fala na Feira do Libro do futuro do Dépor

01 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O músico e comunicador Xurxo Souto participará nunha mesa redonda sobre o futuro do Dépor mañá venres 2 de agosto ás 13 horas na carpa da Feira do Libro nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. No acto tamén intervirán os autores do libro "Depor vida" Rosabel Candal e Xerardo Porto, así como o editor do volume Henrique Sanfiz. O debate coincide no tempo con momentos cruciais para o equipo coruñés, despois de evitar o descenso administrativo a Segunda B, ao chegar a un acordo cos xogadores. O club debe

O relato do Dépor da tempada 2013-2014 podería ser a historia dese xogador, deses moitos xogadores, que describe o escritor Eduardo Galeano: “O barrio envéxao: o xogador profesional salvouse da fábrica ou da oficina, páganlle por divertirse, sacou a lotería. E aínda que teña que sudar como unha regadeira, sen dereito a cansar nin a enganarse, el sae nos diarios e na tele, as radios din o seu nome, as mulleres suspiran por el e os nenos queren imitalo. Pero el, que empezara xogando polo placer de xogar, nas rúas de terra dos suburbios, agora xoga nos estadios polo deber de traballar e ten a obriga de gañar ou gañar”.

Eloxio da afección

En Mallorca responderon ao descenso con pitadas aos xogadores e á directiva. En Zaragoza queimaron contedores. Na Coruña en cambio, a afección permaneceu en Riazor aplaudindo aos seus xogadores, que choraban desolados no centro do campo. Unha gran ovación acompañou a saida de Valerón do terreo de xogo. Tanto o xogador canario como Riki choraron de emoción nas rodas de prensa das súas despedidas.

O Depor logrou xerar en todo o mundo simpatías de numerosos afeccionados. Soubo transmitir os valores de superación e loita. Honestidade, humildade e discreción eran os seus atributos. Sen dúbida, a afección empuxará nos vindeiros anos para conseguir un equipo que retorne e se estabilice na máxima categoría, non esqueza ao deporte base e á canteira, e continúe espertando respecto entre os seus rivais.

O principal obxecto da obra de Xerardo Porto e Rosabel Candal, "Depor vida" é o relato detallado, vibrante e conmovedor do rexurdir do Depor en poucas semanas, contado por xornalistas de contrastada experiencia e traxectoria. Os coruñeses situábanse na primeira fase da Liga 2012-2013 ao borde do abismo, pero a figura de Fernando Vázquez, en tempo record, provocou unha brutal metamorfose, devolvendo ao Depor o seu porte de equipo grande con grandes expectativas. A afición volveu vibrar co seu equipo, restablecendose unha fascinante e seductora sensación. Dun equipo practicamente desafiuzado, logrou un conxunto que pasou 7 partidos sen coñecer a derrota, con 4 vitorias consecutivas que permitiron abandonar os postos de descenso. Mantiveronse vivas as expectativas ata a última xornada.

A pesar do descenso, Fernando Vázquez prendeu a chama da ilusión e logrou que a Coruña e boa parte de Galicia volvese soñar co Depor. E o fútbol non é só espectáculo. No caso do equipo branquiazul é a loita de David contra Goliat, o aprecio polo próximo, polo cercano, a fachenda de pertencer a un territorio cunhas características de seu. Pero é tamén a pelexa do pe queno que non se resigna á derrota constante. Nunha sociedade insegura e decepcionada, Fernando ensinou a soñar. Ë a reivindicación dos desafiuzados, dos traballadores que se quedaron sen emprego, das mulleres que loitan polos seus dereitos, os discapacitados, os sen teito, as familias situadas xa en bolsas de pobreza, os que no queren ver convertidas as súas terras en explotacións mineiras. Por iso, o Depor debe identificarse con valores como a solidaridade, a igualdade, a non violencia e a tolerancia. Ese ten que ser o código xenético branquiazul. Defender o propio non significa atacar ao alleo, insultar ao adversario ou censurar ao diferente.

Sociedade