Madriña. "O Caso de Ramiro Gallego Tenreiro"

O primeiro que fixen, nada máis chegar a San Epitafio en plena madrugada, foi dirixirme cara ao leste da vila, onde repousaba o cemiterio e o cadáver, aínda quente, de Ramiro Gallego Tenreiro. Sorprendeume ver tanta xente ao redor do corpo sen vida. Ademais da súa muller, Camila, alí estaban os seus dous fillos, Ricardo e Gustavo, a quen cría coñecer ben, e tres tipos que non coñecía e que deseguido me presentaron como tres dos seus irmáns, Emilio, Xabier e Xoán. Que facían alí aqueles cinco homes e aquela muller, e a unhas horas tan intempestivas, cando pasaban apenas trinta minutos das seis da mañá?