Os incurábeis. Capítulo 7

Pedro Roldán interpreta a Habano Dandi

Pedro Roldán interpreta no booktrailer de Os incurábeis o papel de Habano Dandi, un tipo raro que percorre a diario todas as terrazas dos bares dos Castros, sempre elegante, ben combinado, cun habano permanente na boca ou na man, un home estraño que ninguén sabe como se chama, de que vive nin de onde saíu. O único que a veciñanza sabe del é que ten un puro entre os beizos, que dispón dun fondo de armario impresionante e que é un personaxe misterioso que moita xente perfila como unha cámara oculta, que está en todas partes, coma o ollo de Deus, que todo o mira, que todo o ve, que todo o controla. Quen é, en realidade, Habano Dandi? A que se dedica, de que vive, de onde saíu? Que relación ten con Paloma e o seu asasinato? Contemplou el o crime co seu ollo de Deus, que todo o ve e mira dende todas as partes? Ou foi el quen a matou por un motivo misterioso?