Non teño presa

Non teño presa
21 de Maio, 2020 - 10:19 h. | Publicada por Radio Fene

A veciña de Sillobre, Marina Seco, naceu na estrada, á altura do Rego da Moa tal dia como hoxe hai 97 anos, cando a súa nai volvía da feira do 21 de vender os queixos. Con ela falamos da súa longa vida en pleno aniversario.

ESCOITA O PODCAST:

Hoxe 21 de maio de 2020 unha muller de Sillobre, Marina Seco Padín, cumpre 97 anos. Pensa que é a persoa máis maior desta parroquia de Fene. Naceu accidentalmente no Rego da Moa. A súa nai foi vender os queixos á feira do 21 a Cabanas para que non se lle perderan, a pesar do seu estado e da advertencia do seu home que vía o embarazo moi avanzado. “Estaba media feira feita e tívose que vir porque Marinita apuraba para saír” cóntanos a nosa protagonista á quen seus país lle contarían a historia do seu nacemento centos de veces polo singular da situación. Cando a nai de Marina chegou á altura do Rego da Moa tivo que parar e parir á criatura coa axuda dunha veciña que a acompañou. Un muiñeiro de Fene que tiña un carro de cabalos levou á muller á casa, explica Marina Seco quen casou moi noviña, con 18 anos. “Unha nena saída do convento” describe así a nosa protagonista a súa inocencia. Superou de nena unha depresión moi grande que curou grazas a Don Antonio, o cura. “Entrei chorando e saín rindo” dí Marina para describir que superou aquilo e mira a onde chegou.

“Por Santa Mariña (a patroa de Sillobre) empezou a guerra en Africa. A xente dicía que ía vir para aquí e desfíxose a festa” Con esta frase salta Marina toda aquela época. Acórdase Marina de cando volveu a muller protagonista do suceso da Fonte dos Mouros. Unha parella de “amigos” decidiu matarse un ao outro en 1911 porque o seu amor era imposible. “Colleron dous revólveres e a que tirou primeiro matouno ben. O tiro del quitoulle un ollo” narra Marina Seco quen lembra o retorno desta muller a Sillobre anos despois. “Viña co ollo posto” describe.

Aos seus 97 anos Marina tivo que deixar o gancho porque os dedos non responden ben. Ten dúas vitrinas cheas de bonecas feitas de gancho ademais de ter elaborado colchas para toda a familia. O que segue facendo con destreza é plantar flores e enxertar árbores. Dáselle ben, onte mesmo plantou xeranios. Marina conserva a paixón por aprender e non perde nunca a escola de memoria que organiza o concello. Non sabe como celebrará hoxe o seu 97 aniversario porque "a situación non nos deixa estar xuntos" afirma, pero a horta da súa filla permítelles estar separados. Confesa Marina Seco o seu segredo para cumprir tantos anos con saúde e con cabeza: “Trato de botar o mal fora e pensar sempre no bo. Poñendo vontade, fáise”. O seu fillo, José Seco, manifestou “Estamos orgullosos de ter unha mamá como temos.  Feliz aniversario”. Sumámonos aos parabéns e que cumpra moitos máis. Ela conclúe "Non teño presa por marchar".

(Na imaxe, Marina Seco en Radio Fene co seu fillo José)

Sociedade

Comentarios

A Sra. Marina do Balado.... unha Señora con tódalas letras. Xente da mellor, sempre cun sorriso na cara.... Sempre ó pé do cañón, cun bo consello pra todos, novos e non tan novos... Unha Muller excepcional. Parabens!!!
Nome: 
María de Mateo

Publica o teu comentario agora