“1929: El gran crack” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión
Non sei onde estarán as leiras de Angela Merkel, pero o diñeiro teno moi emprestado e poida que esteamos a poucos días de que en Berlín soen as cornetas se resulta que o domingo triunfa a sensatez en Grecia e os seus cidadáns votan o programa político da esquerda radical Syriza, ese que di cousas que de tan normais semellan estrafalarias, como que os pagos da débeda faranse só cando a economía medre e haxa emprego no país. Chegados a ese escenario, ou a democrática Europa acata a soberanía helena, ou condena ao berce da civilización á miseria ou cobra os seus cartos pola forza, isto é, sacando os tanques a paseo pola Acrópole. Así que se o do 1929 foi o “crack” da economía, dáme medo que isto de 2012 acabe sendo o “pum!”.
Nos anos 20, polo que contan aquelas películas que se movían a cámara rápida, todo o mundo bebía e bailaba Charlestón na feliz América. En outubro de 1929, os corredores de Wall Street guindábanse polas ventás e os aforradores disparábanse o winchester na cabeza, desesperados pola creba financeira. Por iso de curarnos en saúde, baixemos as persianas e agradezamos que Charlton Heston non foi español. E tampouco estaría de máis aprender unhas leccións de historia, mirando para esa pedra na que teimamos en tropezar e que La 2 presenta nun documental chamado “1929: El gran crack” a partir das dez da noite.