“Cine: ¿Hacemos una porno?” (La Sexta, 22:25 h.)

Programa: 
Televisión

Xénero documental por antonomasia, a pornografía é un soño privado de moitas parellas que entenderon que xogar ás películas podía ser outra cousa que adiviñar nas ceas de amigos, mediante mímica, o título de longametraxes famosas. As novas tecnoloxías de gravación doméstica, o pouco siso e os ex amantes rancorosos enchen a rede dunha inxente cantidade de filmes amateur, tan descarados un día, como vergoñentos ao seguinte. Ese rexistrador da cultura popular de finais do século XX, Kevin Smith, que rodou odas aos videoclubes, aos centros comerciais e aos cómics, tamén se ocupou da afección mundana pola pornografía, contando a historia de dous amigos que, para sandar a súa precariedade económica, anímanse a pasear as chichas á vista de todo o mundo. “¿Hacemos una porno?” é a película que La Sexta emite contra as dez e media desta noite.