“Cine Cuatro: La guerra de los mundos” (Cuatro, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión
Disque o seu coa ciencioloxía non é algo de misa de domingo, senón máis ben de facer o Xesucristo camiñando sobre as augas, que as discusións non veñen por se a pequena Suri debe facer ou non a comuñón sen coñecemento de causa, senón por cantas mudas lle hai que pór na mochila cando a veña buscar o ovni para levala de campamento a Raticulín. E claro: ti podes querer moito á túa parella, pero estar no sofá (sempre o sofá) e ver como tenta atraer cara si o mando da televisión facendo telequinese como Travolta en “Phenomenon”, pois como que non. Por moito que sexa Tom Cruise e fose o póster que millóns de mulleres que medraron nos 80 e 90 bicaban antes de durmir. Agora semella que el o que quere é figurar en estampiñas. 
Con todo, o máis alucinante do problema Cruise é que, supostamente, os cienciólogos están a desenvolver un cásting para atoparlle nova compañeira. Abofé que vivimos nun mundo en crise se a maior estrela de Hollywood precisa consultar un catálogo para ligar. Novas como esas son as que tiran polo chan a moral de cantos homes pousan o cóbado cada fin de semana na barra da discoteca. Se un ten que crer iso, tamén pode confiar en que mañá nos aparque fronte ao garaxe unha nave extraterreste, precisamente a situación que conta “La guerra de los mundos”, a película que Cuatro emite ás dez e media desta noite, dirixida por Spielberg e protagonizada polo home que anda á procura dun novo sofá no que saltar.