“Cine galego: Mar Adentro” (TVG, 23:35 h.)

Programa: 
Televisión

Reserva a canle pública para a noite dos martes un espazo dedicado ao cine galego. Como sexa que a produción puramente autóctona non abonda para cubrir as 52 semanas do calendario, tampouco é cousa de pórse esixente. Soubemos no seu día, grazas á entusiasta e matriota redacción de deportes da TVG que Lance Armstrong gañara os seus Tours de Francia para maior gloria de Galicia. Seica os tubulares da súa bicicleta procedían dunha fábrica ourensá. Con ese mesmo rigor non hai problema ningún en aceptar a total galeguidade dun filme con abondosa e excelente participación do país, pero que tivo como principais autores ao director madrileño-chileno Alejandro Amenábar e ao actor Javier Bardem, que non será do propio Porto do Son pero esforzouse en parecelo. A película, sabémolo todos, é un fito do cine español dos últimos anos e gañou o Oscar á mellor película estranxeira, outro trofeo para colocar canda os do ciclista de Texas. Emítese na Televisión de Galicia ás once e media da noite.