“Cine: O cabaleiro escuro” (TVG2, 22:50 h.)

Programa: 
Televisión

“A Guerra das Galaxias” é tan só un pequeno exemplo do maxestoso catálogo de dobraxes amoreado durante máis de 25 anos pola TVG, un esforzado traballo de normalización que aínda debe combater acotío coa estrañeza de ver en bocas de mundos alleos palabras propias do patio da nosa casa. A Jodie Foster dicíanlle ao camiñar polo cárcere de Hannibal Lecter que lle podían cheirar a crica a distancia; Rambo ficou acurralado; Terminator mandaba aos raparigos a rañala; a Tony Montana en “Scarface” as cousas roncábanlle o carallo; e Sue Ellen, pois si, Sue Ellen estaba bébeda. Por todo isto non hai que perder a ocasión de ver ao grave Batman de Christopher Nolan poñerse enxebre cun Joker na mellor tradición de Farruco ou o Xestal na adaptación ao galego de “O Cabaleiro Escuro” que a segunda canle da TVG pasa ás once menos dez da noite.