“Conexión Samanta: Yoga Rave” (Cuatro, 00:30 h.)

Programa: 
Televisión

E logo poida que o Ceo cristián vaia oufanándose de exclusivo, cun porteiro con chaves na porta reservándose o dereito de admisión, pero dixéronme que se poden conseguir absolucións de saldo para entrar, así que menos aires. Aquilo ten que estar ateigado. E ademais, por máis que o preguntemos, parece ser que ninguén sabe a que cheiran as nubes. Con tanta aglomeración eu aposto que cheiran a bravío. Así que nos queda o Nirvana, o estado de iluminación suprema. E para min, que fun a aulas de ioga, o Nirvana é un grupo de mulleres de 55 anos roncando nun cuarto cando se supoñía que tiñan que estar transcendendo a súa cativa existencia entre música de cuncas tibetanas. Claro que hai quen o vive doutra maneira.

O programa “Conexión Samanta” envía á súa reporteira estrela a Bos Aires para coñecer o que son as ioga raves, unhas macrofestas que chegan a xuntar máis de 100.000 persoas dispostas a experimentar o éxtase comunitario sen levar unha soa pílula de MDMA á lingua. O que os dispara a todos en “modo Chimo Bayo” é a realización de exercicios de respiración, meditación e baile conducidos polo supremo gurú indio Sri Sri Ravi Shankar, mestre de cerimonias dunha discoteca ao aire libre na que as cantaditas e o bakalao transfórmanse en mantras con música electrónica. Cando eu facía as ásanas do saúdo ao sol, o único “subidón-subidón” que agardaba era o dalgunha contractura muscular, pero semella que claramente escollín a academia de ioga equivocada. A que leva ao Nirvana é a que Samanta Villar retrata en Cuatro a partir das doce e media da noite.