“Docufilia: Los viajes de Tintín” (La 2, 21 h.)

Programa: 
Televisión
A aventura, dende que temos documentais e internet, cotiza á baixa. Prestaríame chegar un día ao Nepal, pero con viaxe organizada, intérprete e comodidades, non como antano, cando un mozo ficaba impresionado por unha lectura, pedíalle á nai que lle pasara o ferro polos calzóns, gardaba seis mudas nunha mochila e subía ao tren para atravesar o mapamundi na procura dun soño imaxinado, poñendo os cinco sentidos a disposición da súa supervivencia. Hoxe, se un quere ir unha fin de semana a Madrid, conta con mapas específicos das zonas onde actúan os carteiristas e das rúas que convén evitar. E ademais, ver a aurora boreal cos propios ollos ten que ser fascinante, pero éche traballoso e vai moito frío, e a través da televisión pois se cadra non é o mesmo, pero levas unha idea. De todas esas formas imos ficando só co turismo e imos matando o viaxar, que queda para a ficción, para peripecias como as de Tintín, que cambiaba de pasaporte varias veces en cada un dos libros de Hergé. 
La 2 estrea esta noite unha sobranceira serie na que se visitan coa cámara os mellores destinos debuxados pola liña clara do mestre belga, cada un dos recantos que Milú deixou marcado cunha mexada. “Los viajes de Tintín” emítese ás nove da noite.