“El cine de La 2: Tiempo de silencio” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión
Para os estudantes de Literatura do meu tempo, ler por obriga académica a novela de Luis Martín-Santos era como se nas aulas do franquismo deixasen soar os discos de Elvis Presley. Cando es adolescente, a actitude é todo. E logo de tantos anos de lecturas pasados pola recorrente análise morfolóxica e sintáctica, atopar un texto que rebenta as estruturas convencionais dunha maneira tan efectista como efectiva e sorprendente, concede gran acougo á mente xuvenil que necesita probas de que hai vida alén do canon convencional. 
O mérito de “Tiempo de silencio” está na aposta do autor pola experimentación, por vestir a un texto de realismo social con fórmulas renovadoras, sen medo a convertelo nun espantallo, e mesturando narradores e estilos cun descaro impropio das letras de finais dos anos 50. En 1986, Vicente Aranda decidiu trasladar a obra ao cine, con Imanol Arias e Vitoria Abril, e iso é o que La 2 emite esta noite ás dez, unha longametraxe en rigoroso e limitado 2D, porque as técnicas de aquel libro son de difícil tradución á pantalla, e se algo lembro eu do que estudei para selectividade é que “Tiempo de silencio” inventou o 3D con tinta e papel.