“El Hormiguero 3.0: David Hasselhoff” (Antena 3, 21.45 h.)

Programa: 
Televisión

Os que nos preocupamos por Mitch Buchannon, a segunda encarnación do ídolo, sabemos ben da súa desgraza: unha carreira máis valorada no estranxeiro que na meca norteamericana do star-system e que tivo a súa sima tráxica nun último intento desesperado por triunfar como cantante. David Hasselhoff aspiraba a colocar no Billboard os mesmos discos que despachaba en Alemaña, onde causaba furor entre unha daquela xuvenil Angela Merkel e a súa tropa. Por iso investiu boa parte dos seus cartos nunha única manobra xenial: mercar o horario de máxima audiencia nunha canle de cable para retransmitir un concerto seu e demostrarlle ao mundo do que era capaz. Mágoa que nese mesmo intre se producise a fuxida en directo, seguida por helicópteros, de O. J.Simpson escapando dos policías, un dos momentos históricos da televisión nos Estados Unidos. A cota de share de The Hoff foi inexistente. Se cadra por iso hoxe alúgase como soldado de fortuna en papeis secundarios e como showman inmortal en programas como “El Hormiguero” que visita en Antena 3 a partir das dez menos cuarto da noite.