“El Hormiguero 3.0: Pajares y Esteso” (Antena 3, 21:30 h.)

Programa: 
Televisión

Nestes días nos que España amence en branco e negro, cos policías perseguindo estudantes polas rúas e a dereita máis reaccionaria chamando ao escravismo proletario, ten todo o sentido do mundo o rescate dunha parella de fenómenos do star system cinematográfico anterior ao asalto das alfombras polos autoproclamados autores. Antano non había tal cousa como a posta en escena, había tetas e chistes ao peso, e xa abondaba. Musas de Mariano Ozores, Pajares e Esteso pariron unha filmografía da que aínda se aleita ben a gusto Torrente: “Los Bingueros”, “Agítese antes de usarla” ou “Yo hice Roque III” eran comedia screwball antes de que soubéramos que significaba esa palabra. Pasado o tempo da negación polo cheirento tufo rancio, agora estamos xa na época de reivindicación sen prexuízos dun humor premoderno. Da man dun festexado anuncio de xamón en tiras, Pajares e Esteso volven á televisión nunha nova edición de “El Hormiguero”, ás nove e media da noite en Antena 3.