“El número uno” (Antena 3, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión
Por momentos dá a sensación de que as estrelas que peneiran entre a canteira de cantantes son como ese barman que che serve e che cobra a copa malia que sabe que antes dun minuto van prender as luces do pub e terá que convidarte a abandonar o establecemento. A música non remata nunca, mais o guateque no que bailaban Ana Torroja, Miguel Bosé ou Sergio Dalma hai tempo que non está no momento álxido. No mellor dos casos, os máis populares éxitos do terzo de Mecano e do amante bandido teñen unha década de vida, cando non dúas ou tres. Hai máis bótox e hai máis bandullo, e o pop comercial ou é efémero ou non paga a pena. Vive a fume de carozo e desaparece. 
Mentres, Dalma vende hoxe máis que ninguén. Canta iso si, éxitos de outros de hai 40 anos, perseverando nesa crenza popular de que o acento de Sabadell e de Bérgamo son semellantes. Bustamante e Natalia Fernández, os outros dous mestres do show, viven agora unha gloria que nunca será tan millonaria como a dos seus compañeiros. 
Así que mentres eles se preguntan que demo pintan aí cantando eses aos que xulgan, dende o sofá da casa nós podemos pensar o mesmo de todos eles mentres buscamos o botón do UHF para cambiar ao outro canal que había na tele cando soaban “Hawai Bombai” e “Super-superman”. “El número uno” emítese en Antena 3 ás dez e media da noite.