“El Taquillazo: Max Payne” (La Sexta, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión

Se cadra, un dos problemas do cine que se pon no escaparate principal é que, así como antano se nutría da literatura, establecida como a forma de expresión privilexiada dende épocas que se perden no tempo, recentemente os realizadores se entregaron a formas de expresión moito máis inmaturas que a propia sétima arte. Xa non falamos das historias de superheroes de cómic, xa que, a fin de contas, a banda deseñada ten unha longa e egrexia tradición como para mirarlle á cara a calquera. Pero si é un síntoma máis preocupante o recurso ao videoxogo, un medio que aínda está en cueiros e cuxos mellores logros narrativos aínda non chegaron, ou o fixeron en contadas ocasións. Por iso, cando se estrea un filme apoiado nun xogo de éxito hai que ter certas reservas. Acontece con “Max Payne”, adaptación en celuloide dun clásico das aventuras de disparos. O personaxe principal, por moita vida torturada que teña, non fai outra cousa que disparar un cargador de bala tras outro para matar inimigos. E iso, pouco máis ou menos, é o que fai Mark Walhberg nesta adaptación do píxel á carne que se emite ás dez e media da noite en La Sexta.