“En noches como ésta” (TVE, 00.15 h.)

Programa: 
Televisión

Cousas que relatar a Luz non lle faltan: dende a supervivencia fronte ao cancro ata o éxito dunha carreira internacional que a levou a ser aínda máis prestixiosa en Francia do que o é aquí, enchendo o mítico Olympia no que Brel estremecía. Sempre me fascinou tamén a súa facilidade para relacionarse con músicos cos que un diría que non ten nada que ver, caso de The Christians, os Spin Doctors ou Dire Straits. Quen diría cando cantaba “Rufino” ou “Quiéreme aunque te duela” que remataría en rota cantante de boleros.

Agora que pendurou a chupa de coiro, se cadra a recolle Trinidad Jiménez, a ministra de Sanidade e seguinte convidada no programa de tete-a-tete. Da aparición televisiva da política rockeira estou máis expectante pola xestualidade que pola palabra. Non me interesa tanto o que diga como o que faga e agardo pola súa parte unha estrita observancia das normas básicas de protección fronte ao virus da gripe A. Xa que logo, dubido moi moito que Lucas bique a Jiménez para recibila no plató e estou seguro de que a conversa se producirá dende unha distancia mínima de seguridade. E se a ministra esbirra, xa temos titular na prensa para o día seguinte.

Chaquetas de pel, Luz Casal e Trinidad Jiménez, sométense ao terceiro grao amable de “En noches como ésta” que se emite en Televisión Española ás doce e cuarto da noite.