“Entrevista a la carta” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión
Na televisión, que é onde máis loce -porque ademais da voz, podemos apreciar os acenos do entrevistado- o xénero foi murchando. É comprensible. A nosa capacidade de atención fragmentouse tanto, que precisamos estímulos constantes: como se non podemos explicar que haxa concursos de preguntas e respostas onde a tensión non vén dada pola esixencia intelectual, senón pola ameaza de que se abra baixo os pés un pozo cara o baleiro. Así que dúas persoas falando, por moito que unha delas sexa tan histriónica como Jesús Quintero ou Pedro Ruiz, teñen pouco porvir. A entrevista só permanece nos programas rosas e amarelos mediante unha técnica semellante á que pintou Goya nun dos seus lenzos máis famosos: o fusilamento da vítima por un batallón. 
Moito máis amable, Julia Otero recunca a Televisión Española anos despois de por de moda uns flocos imposibles no cabelo con outra volta máis á entrevista. Agora ela conducirá a un protagonista que se vai someter ás preguntas gravadas por unha ducia de famosos e que el mesmo irá escollendo na orde que prefira. Un novo modelo por intercesión é a última pel que viste o xénero para sobrevivir no horario de máxima audiencia. O toureiro e modelo Cayetano Rivera estrea “Entrevista a la carta” ás dez e cuarto da noite en La 1.