“Equipo de investigación: El ladrón de la catedral” (Antena 3, 00 h.)

Programa: 
Televisión

Pola contra, hoxe imaxinamos a Manuel Fernández Castiñeiras comungando con esa ollada torva súa; fozando cun mono de traballo azul polos corredores do Museo Catedralicio; tomando un café con leite todos os días no mesmo bar, á mesma hora, na mesma bat-canle; lendo os chistes lamentables de Florinda Campoamor na contra de El Correo Gallego; bicando á súa dona na fronte todas as noites e durmindo co orinal baixo a cama, e toda canta gris rutina poidamos imaxinar; e nese intre cáesenos a erección intelectual, o entusiasmo e todos os delirios polos que nos sentíamos copartícipes da gran historia do roubo do século. Todo rematou sendo cutre, tan vergoñentamente primitivo como as mortes por mover o marco dunha finca. O electricista non roubou o Códice: roubounos unha ilusión.

Como unha cita romántica concertada por Meetic con supostos aspirantes a modelo que en verdade son croios con título en manexo do Photoshop; como a fichaxe de Renaldo, aquel dianteiro do Deportivo que proclamaba ser a mestura perfecta de Romario e Ronaldo e rematou por ser simplemente, para o malo e para o malo, Renaldo; como todo iso é o caso do Códice Calixtino. A quen lle interesa agora? A ninguén con certo alento poético, por suposto. Non é o caso de “Equipo de investigación” en Antena 3, que esta medianoite lle dedica unha reportaxe especial.