“Estudio 1: Urtain” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Televisión Española adapta para a pantalla un dos maiores éxitos de público e crítica do teatro español recente, “Urtain”, a epopea do Tigre de Cestona que a compañía Animalario recreou no emocionante retrato dunha celebridade incomprendida e a súa época, o tardofranquismo. Juan Cavestany, autor do texto orixinal, sostén que a historia deste boxeador, ao que cualifica como o “primeiro gran famoso de España” -un home admirado polas súa vitorias, pero tamén ridiculizado polo seu carácter nobre- permite seguir a evolución do país: consonte España progresa, o heroe deportivo fracasa, até que coincidindo coa cimeira da aínda xuvenil democracia, os Xogos Olímpicos do 92, a vella gloria decide quitarse a vida. Para coñecer se o boxeador teatral segue tendo pegada ou perde punch no paso á televisión cómpre ver a adaptación de “Urtain” que se emite en La 2 ás dez da noite.