“FlashForward” (Cuatro, 22.20 h.)

Programa: 
Televisión

O punto de partida resulta case unha pasaxe bíblica, como se un dos andazos sobre Exipto caese sobre as nosas cabezas a un tempo: toda a poboación do planeta perde o coñecemento durante 2 minutos e 17 segundos nos que ademais alucinan cun soño no que teñen unha visión da súa vida seis meses máis adiante no tempo. Como verdadeiros iluminados, cadaquén procura respostas e interpretacións ao seu viaxe ao futuro. Algúns cuestiónanse o seu libre albedrío e outros fantasían sobre o porvir, mais aqueles aos que sigue a historia vanse entregando como ovelliñas a seguir o camiño que lles di que o destino está escrito e que o libre albedrío éche unha cousa bastante prefabricada. Por suposto, como trama detectivesca, ten que haber un vilán, e resulta doado descubrir que será unha persoa que, cando toda a poboación planetaria durme, é quen de se manter esperto. Xa temos aí un nó que desenlear e que nos terá prendidos durante seis meses, ata que se revele o final da trama, cuxa resolución, por suposto, non aparece aínda nas visións do futuro de ninguén. “FlashForward” emítese ás dez e vinte da noite en Cuatro.