“Foro Aberto” (TVG, 23:45 h.)

Programa: 
Televisión

Tardáballe á televisión pública galega ter un espazo de debate político, a cota mínima de servizo cidadá que se lle reclama a un medio destas características. Agora ben, mentres todo o mundo batía palmas coa entrevista de Ana Pastor a Ahmadineyad, esquecía que ese estilo Oriana Fallaci xa fora posto en práctica antes por Carlos Luís Rodríguez (presentador do “Foro Aberto”) con outro elemento perigoso como é o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Aquel mozo de filiación nacionalista agochaba nalgún lugar do seu discurso cabezas nucleares. Así o parecía pola dura marcaxe do xornalista que logo este xustificou por un estilo de entrevista “agresiva” que caracterizaría o seu programa. “Agresivo-selectiva”, cabería dicir, pois cando a materia a tratar é a xestión do Goberno autonómico, entón o tratamento é tan suave como o da ovelliña de Norit. Eu si agardo os matasogras e o brinde con cava no tratamento das eleccións que se faga a partir das 23:45 horas en “Foro Aberto”.