“House” (Cuatro, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión

Eu con “House” pásoo pipa -pasábaoo, será mellor dicir-. Pero a fidelidade á televisión éche como todo: tamén estaba a gusto cando ía facer deporte, pero unha semana mala no traballo, problemas de horarios, unha lesión e, xa está, perdíchelo. Non hai rutina que sobreviva. Co doutor psicótico tiven ben organizado o calendario de visionado semanal, até que hai cousa dun ano, vai ti saber que pasou. Nada grave, iso seguro. Mais cando chegou o día de saber que novas se cocían polo Princeton Plainsboro e eu xa non tiña corpo de retranca médica. Será que Cuddy colleu pasaporte, será que a todos os personaxes pasoulles xa de todo... Que sei eu o que foi. Tampouco lle teño que mentir ao home que asegura que todo o mundo mente. Pero deixei de ver “House”. E resulta que agora o van xubilar, que a historia de tanto anos enfila a súa recta final, e que hoxe en Cuatro pasan novos capítulos ás dez e media da noite. E entón, pois como se fai con amigos de sempre, pois penso que si, que ao mellor despois de tanto tempo volvemos quedar para ver como nos vai a vida.