“La nube: Exhibicionistas” (La 2, 22:45 h.)

Programa: 
Televisión

O programa “La nube” dedica a súa edición desta semana a analizar esa avidez por lexitimármonos a través dos demais establecendo vencellos anecdóticos, celebrando o superficial e vivindo con ansiedade a necesidade de comunicar as nosas circunstancias en todo momento e situación. Puidera ser que o noso pudor sexa un dano colateral necesario nesta nova maneira de vivir. Mais cadaquén é melindroso á súa maneira.

Podo vivir admirando as fotos das viaxes dos meus coñecidos, lendo que libros e discos lles prestaron máis ultimamente ou coñecendo as súas reflexións sobre a actualidade. Mais teño nostalxia do tempo en que candidamente ignoraba con que alcume agarimoso chaman á súa parella na intimidade, a quen desprezan con frases supostamente crípticas ou o felices que se consideran. Eu, misántropo, confeso.

E así como me aprenderon a saudar correctamente, dicir “grazas” e “por favor”, celebraría que a todos nos educasen nun tratado de boas maneiras cibernéticas porque sinto que, sen querelo, son lexión os que me miran mal cando os atopo persoalmente por ter cometido supostos agravios e outros exemplos de mala educación virtual sen eu decatarme. Tomarei apuntamentos para corrixirme vendo o episodio “Exhibicionistas” de “La nube”, que Toni Garrido presenta a partir das once menos cuarto da noite en La 2.