“Materia reservada” (Telecinco, 00 h.)

Programa: 
Televisión

“Sálvame” e os seus derivados son como o vello rock progresivo, mirándose o embigo en interminables desenvolvementos, xirando unha e outra vez arredor da mesma idea. O xornalista Antonio Montero e demais presentadores de “Materia reservada” son Sid Vicious, rachando coa pana, fomentando a cultura punk. Non se pode interpretar outra cousa do feito de que, cando todas as malas linguas falan de Urdangarín, ao espazo de Telecinco se lle dea por rescatar ao outro xenro da discordia, Marichalar.

O alternativo, o indie, é desprezar o suposto desfalco do cuñado modélico para cebarse esta madrugada na figura do ex membro da Casa Real que conseguiu pasar a historia por frecuentar, sen ningunha orde establecida de preferencia, os pantalóns con debuxos de flores, os patinetes e Nati Abascal, obxectos todos eles cos que se podería argallar unha natureza morta da posmodernidade. Afastado de toda a pompa e nobreza circunstancial, agora sabemos que sentar e cobrar nos consellos de dirección de Loewe era o máis honrado voto de pobreza que se podía executar á sombra borbónica, baixo cuxo abrigo no duquesado da outra beira algún podería estar a encher os petos de cobiza. Jaime de Marichalar, expulsado do paraíso, terá que aturar, mesmo cando o foco do interrogatorio está sobre outros, que lle fagan unha radiografía de corpo non presente en “Materia reservada”, que a canle amiga emite á medianoite.