As “mulleres-árbore” protagonizan o novo libro de Adela Figueroa

Programa: 
Músicas e Letras

Coincidindo co Ano Internacional dos Bosques, a obra está dedicada ás árbores e divídese en diferentes capítulos. O primeiro, “Madeira de Mulher”, con relatos tirados das vidas de persoas que pasaron polo noso horizonte. O segundo, “As luparias”, dous relatos que tentan conducir ao lector pola relación máxica entre as lobas e as mulleres a través dun exercicio onírico. O terceiro, “Salseiro e maruxia”, que expresa a íntima relación que temos co mar e coa terra.

“Testemuñas”, o cuarto, fala do papel dalgunhas mulleres como acompañantes de homes ilustres ou, como no caso de Carme a da Ponte, lembra as empregadas dalgunhas casas familiares que dedicaron todo o seu tempo a criar os fillos das mesmas e a transmitirlles a cultura popular a través da oralidade, sen recibir o xusto recoñecemento.

Un pequeno relato, “Castanheiro amoroso”, refírese ao asasinato de Camilo Díaz Valiño e Sixto Aguirre Guerin en Palas de Rei en 1936. Xa na fin da obra, unha homenaxe ás nais no conto “O Albornoz”, como mostra da represión tras o triunfo do fascismo en España, relatada sobre a amable imaxe de lecer dunhas mozas que están a tomar un baño nas praias da Coruña.