“O soldadiño de chumbo”, unha proposta literaria, audiovisual e interactiva

Programa: 
Músicas e Letras

Con este proxecto, os seus promotores buscan prestixiar e facer visibles os produtos creativos galegos no mercado internacional. Aseguran que con esta iniciativa, énchese un importante baleiro no mundo editorial e audiovisual que axuda a poñer a cultura galega e Galicia no vieiro da modernidade.

O texto literario de H.C. Andersen foi adaptado ao galego a para os novos formatos por Xavier Senín a partir da curtametraxe animada que Continental Producciones e Algarabía Animación presentaran hai pouco máis dun ano, ambientada no Museo do Xoguete de Allariz e dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde seguindo a técnica do stop-motion con deseños de Alfonso Costa. Emilio Aragón puxo a música a este fermoso proxecto no que tamén colaboraron prestando as súas voces actores como Luís Piedrahita ou Manuel Manquiña.

Posteriormente, a Editorial Galaxia asumiu o reto de convertelo nun libro multisoporte que conxugase o pracer estético do álbum ilustrado de gran formato co DVD de animación. Ambas as empresas, a audiovisual e a editorial uníronse para implicar a Moonbite Games no desenvolvemento da aplicación para iPad de tal xeito que agora o conto é, ademais, un produto interactivo no que os personaxes de Andersen se relacionarán cos lectores e lectoras que participarán así dunha experiencia novidosa multisensorial.

A versión para iPad é unha aplicación absolutamente novidosa chamada “iMotion Kid”, tecnoloxicamente moi complexa e innovadora a escala internacional e cen por cen galega. O equipo encargado do seu desenvolvemento é o mesmo que deseñou o formato “iMotion Comic” de Delirante de Miguelanxo Prado na súa versión animada para iPhone/iPad, número 1 en descargas na súa sección de AppStore-España.