“Quen toca?” (TVG, 21.45 h.)

Programa: 
Televisión

A supresión do gran magazine dos venres da grella só sería comparable ao roubo das reliquias do apóstolo Santiago, pois nos dous casos estamos a falar de cousas con valor totémico. Mais non será preciso que se organice unha gran manifestación popular para reclamar o patrimonio universal catódico do país, pois Xosé Ramón e o seu show demostraron ser máis irredutibles que o Terminator e “volverán”.

Como lles había que procurar substituto para o estío, argallouse un remexido de tan só tres edicións de vida que se emite esta noite e leva por título “Quen toca?”. Para cubrir con garantías a baixa do titular acudiuse a outro favorito infalible das audiencias: as orquestras. Olympus e Philadelphia ofrecerán un grandes éxitos dos anos 80 mentres caras célebres do ente, como Alfonso Hermida ou Pilar García Rego, sen Igartiburu que os anime, tomarán parte nun concurso de baile baixo a atenta mirada dun xurado liderado por Xil Ríos, que ese si que xiraba cando a Bisbal aínda non lle medrara o primeiro rizo.

Remataron as rebaixas nas tendas, pero na TVG de Galicia aínda apuran un pouco máis ata que o plácido “Luar” recunque do seu descanso. “Quen toca?” comeza ás dez menos cuarto da noite.