“Sherlock” (Antena 3, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Chamarlle serie a esta enésima encarnación do mito de Baker Street é contar media verdade. É certo que se presenta en tres capítulos, pero cada un deles podería pasar por unha longametraxe. A duración, uns 90 minutos, e tamén a calidade da produción, permitirían a súa proxección en salas de cine. Así que digamos que cada peza funciona independentemente como unha tv-movie, xa o saben, ese xénero que en Estados Unidos serve para relatar secuestros e outras traxedias familiares e en España é a única acreditación verdadeira para quen queira chamarse a si mesmo folclórica ou membro da Casa Real. Os británicos úsano para demostrar que Conan Doyle creou coas súas historias unha materia inasequible ao paso do tempo, ora se conte como un espectáculo de humor e artes marciais, como fai Guy Ritchie no cine; ora como unha estupenda recreación contemporánea e con atractivos usos da infografía superposta ás imaxes para retratar o funcionamento da mente analítica do detective. Se paga a pena ver este “Sherlock” que Antena 3 pasa ás dez da noite é unha pregunta que ten unha resposta obvia, pero que como prometemos ao comezo, xa non imos dar.