“Testosterona”, “Memoria del Jardín” e “Aviadoras” centran o II Obradoiro do Espectador

Programa: 
Músicas e Letras

Segundo os responsables do proxecto, nesta segunda edición o Obradoiro do Espectador consolídase como axente mediador entre a arte e a sociedade, facilitando a comunicación artística, mellorando a comprensión e o goce das obras e ampliando a creatividade da sociedade. O motivo é que as persoas participantes teñen a oportunidade de recibir claves que lles permiten comprender os códigos narrativos e formais das artes escénicas máis contemporáneas, poden compartir en grupo a experiencia do teatro e teñen un contacto directo cos artistas e co mundo interno do teatro.

As actividades do Obradoiro do Espectador estrutúranse en tres apartados:

Asistencia a espectáculos

A parte fundamental do obradoiro é, por suposto, a asistencia a un espectáculo cada mes. As persoas participantes no obradoiro recibirán entradas para poder asistir ás representacións.

Encontros-coloquio cos creadores

Como complemento á asistencia aos espectáculos, realizarase un coloquio inmediatamente despois de ver a obra, con participación dos membros da compañía e dos espectadores participantes no obradoiro.

Adestramento regular do espectador

As sesións de adestramento, que tamén funcionarán como sesións preparatorias, desenvolveranse unha vez por mes antes de asistir aos espectáculos. Cada sesión terá unha duración de 1 hora e media, introducindo ás persoas participantes tanto en temas xerais (historia, autores, grupos, códigos, etc.) como noutros especialmente relacionados coa obra que se vai ver. As sesións son fundamentalmente participativas, e os contidos estrutúranse a partir da visualización de vídeos. Estas sesións estarán dirixidas por Xesús Ron, director da Sala Nasa e do Grupo Chévere.

As sesións de adestramento terán lugar nos Centros Socioculturais de Santiago. Os espectáculos e o coloquio posterior terán lugar na Sala Nasa.

Os tres obradoiros custa 24 euros en conxunto e cada un deles 8 euros. Os tripulantes da Nasa só terán que pagar 3 euros.

OBRA: TESTOSTERONA COMPAÑÍA: CHÉVERE (SANTIAGO DE COMPOSTELA)

Testosterona forma parte dun proxecto de creación escénica e intervención cultural sobre identidade e construción de xénero. É unha obra de teatro que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e formula a posibilidade dun xénero modificable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock’n’roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se sirve tanto da música en directo, da performance, do transformismo, da comedia, do naturalismo, do vídeo, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia.

Temas de referencia: a compañía Chévere, usos e códigos narrativos contemporáneos (performance, poesía, vídeo, música...), outras cuestións de xénero (multitudes Queer, políticas do corpo, intersuxualidade...)

Data da representación: venres 16 de outubro ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 13 de outubro ás 20,00h. no CSXM O Ensanche

Encontro-coloquio cos creadores: venres 9 de outubro ás 23,15h. na Sala NASA

OBRA: MEMORIA DEL JARDÍN COMPAÑÍA: MAGRINYANA (MADRID)

Memoria del jardín é un relato a tres voces, tres monólogos cruzados ou un diálogo inevitable entre un home e unha muller, co trasfondo dunha enfermedade aparentemente terminal. En escena escoitase unha terceira voz que convirte a saída do hospital nunha viaxe, unha liberación, unha fuxida, un inesperado triunfo sobre a morte.

Antonio Fernández Lera é escritor, director de escena, editor e tradutor. Escribiu e dirixiu: Plomo caliente (Magrinyana, 1998); Monos locos y otras crónicas (Magrinyana, 2000); Mátame, abrázame (Magrinyana, 2002); Las islas del tiempo (Magrinyana, 2004); Agamenón, de Rodrigo García (Magrinyana 2008); Memoria del jardín (Magrinyana, 2008-2009). É o editor da colección Pliegos de Teatro y Danza, na que se publican os textos de Rodrigo García, Carlos Marqueríe, Elena Córdoba, entre outros.

Temas de referencia: autores como Fdez. Lera, Carlos Marquerie, Rodrigo García, o teatro posdramático, a escena contemporánea en Madrid.

Data da representación: venres 6 de novembro ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 3 de novembro ás 20,00h. no CSC José Saramago de Vite

Encontro-coloquio cos creadores: venres 6 de novembro ás 23,00h. Na Sala NASA

OBRA: AVIADORAS COMPAÑÍA: DUELIRIUM (SANTIAGO DE COMPOSTELA)

Aviadoras é o título do segundo espectáculo de teatro aéreo da compañía Duelirium, formada por Raquel Oitavén e Mercè Solè. Aviadoras é unha historia para desafiar limites, dimensións e deixarse elevar cara un mundo cheo de novas posiblidades, explorando novos elementos de circo aéreo. Aviadoras é, ademais, unha homenaxe ás dúas intrépidas voadoras de principios do Século XX: Tiny Broadwick e Christine Granville. Unha historia onde dúas mulleres se atopan entre as nubes para caer nunha perdida coordenada descoñecida. Elas farán todo o que estea nas súas mans para elevarse cara ao horizonte. Investigarán, probarán e retorcerán as súas cabezas para descubrir un mundo de posibilidades.

Temas de referencia: o circo aéreo e o Novo Circo, a xove escena circense galega, as relacións entre ciencia, tecnoloxía e teatro.

Data da representación: sábado 5 de decembro ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 1 de decembro ás 20,15h. no CSC As Fontiñas

Encontro-coloquio cos creadores: sábado 5 de decembro ás 23,00h. na Sala NASA