“Versión española: Mentiras y gordas” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

“Torrente” será a saga máis vista nas salas de cine españolas, mais “Mentiras y gordas” foi con moito a película máis comentada na rede dende que a terceira pata do banco de guionistas, xunto cos tamén directores Albacete e Menkes, fose nomeada ministra de Cultura. Ángeles González-Sinde -parte diso que soa tan feo para referir a algo relacionado coas artes como é “a industria”- quixo poñer coto dende o seu despacho ao paraíso de bucaneiros e filibusteiros que é a internet española, onde todo canto queiras ver, ler ou escoitar pódese facer sen pasar por caixa, en boa medida pola inacción teimuda durante anos das empresas que se resistiron a cambiar cos tempos. Non é a súa cruzada antipirataría a que nos ocupa, senón ese filme non recomendado a maiores de 20 anos no que o máis sexy das carpetas de instituto se mergulla en libido durante o que dura a metraxe, un retrato xeracional que mesmo podería poñer colorados aos de “American Pie”. “Mentiras y gordas” pásase ás dez da noite no programa “Versión española” de La 2.