“Yamakasi” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Como disciplina entre artística e deportiva, poucas hai máis fascinantes que esa danza sen vertixe entre a arquitectura terrible das nosas cidades. Correr e chimpar entre escaleiras, patios traseiros, xardíns feitos de cemento e todos os recantos grises e húmidos aos que chamamos fogar, equivale a pintar de vida espazos concibidos para o illamento e a depresións, o encerramento no noso ser consumista que só florece á luz artificial dos centros comerciais. O parkour, coido que nado entre a mocidade dos barrios periféricos das metrópoles francesas, viviu o seu momento de gloria entre finais dos 90 e principios dos 2000, até o punto de xustificar o filme “Yamakasi” que glosa con épica aventureira as filigranas coas que un grupo de mozos poñía en risco mortal a crisma e as articulacións. A súa efervescencia chegou tarde ás nosas cidades e de cando en vez podemos algún mozo solitario saltando dun banco do parque á caixa de correos, entusiasmado, pero solitario, como sabendo que a  moda que escolleu, malia que transcendente, resulta pouco popular e a xente o vai sinalar a el pola rúa como un becho estraño e non aos que levan o Calvin Klein ao aire, cunha tatuaxe na rabadilla, o chinito da sorte colgando do pulso e a bolsa de Marineda City na man. “Yamakasi” emítese ás dez da noite en La 2.